ACADEMIA GALEGA DE TEATRO

TENDO PRESENTE O FUTURO

 

O 21 de Outubro un grupo de 17 persoas comprometidas co teatro do país fundamos a Academia Galega de Teatro. Fixémolo inspiradas en figuras senlleiras das nosas artes escénicas –como Otero Predrayo, Villar-Ponte, Valle-Inclán ou Vidal Bolaño- e levadas polo espírito de unidade comprometida coma o das Irmandades da Fala. Foi por iso que, desde o início, procuramos que cada un dos nosos pasos significara, que fora en si mesmo unha declaración do respecto que sentimos polas xentes que nos precederon e de intencións para as xentes que nos sucederán. Decidimos por iso celebrar o acto da nosa constitución na vila de Rianxo, berce de Castelao, Dieste, Manuel Antonio e berce tamén da compañía de teatro máis veterana do noso país, Teatro Airiños. Fixémolo así recoñecéndomos herdeiras das figuras que nos precederon. Non podemos deixar pasar esta ocasión sen agradecer ao Concello de Rianxo e nomeadamente ao seu alcalde a súa xenerosidade e o agarimo co que acolleron este proxecto. A Academia Galega de Teatro é rianxeira de nacemento, o que nos fai sentir aínda máis a responsabilidade de mantérmonos á altura de tan esgrevios referentes.

 

Nacemos hoxe neste mundo convulso que nos toca vivir, un mundo onde o valor da cultura, da arte, do teatro non é considerado como o que é: un dereito que cómpre defender, patrimonio de todas as xentes e motor dunha sociedade libre. Os nosos obxectivos son fomentar o desenvolvemento das artes e as ciencias relacionadas co teatro recoñecendo e dando a coñecer a profesionalidade e excelencia artística das súas xentes para estimularmos na nosa sociedade o valor fundamental do Teatro. Queremos tender pontes entre as diversas visións do noso teatro para enriquecer máis aínda o noso patrimonio, organizando conferencias, seminarios ou congresos de contido artístico, científico, político ou sociocultural. Difundir o noso traballo á sociedade e á Administración Pública, propiciar intercambios interculturais e internacionais, crear servizos dedicados ao estudo e investigación da interacción entre o Teatro e as novas tecnoloxías… e calquera outra actividade, en fin, tendente a elevar o nivel artístico, técnico ou científico dos distintos oficios teatrais, de xeito que o teatro alcance a relevancia social que lle corresponde, e cantas outras teñan como obxectivo fomentar a promoción e difusión das obras teatrais.

 

Desde a Academia Galega de Teatro pretendemos facer todo iso e máis, excluíndo dos nosos fins os propios dun sindicato ou organización laboral e sendo independentes de calquera grupo relixioso, político, económico ou ideolóxico.

 

Que lle queredes? Cobiza non nos falta, non. Pero é ese tipo de cobiza que constrúe para compartir, non a que devora sen conciencia e sen retribución. A Academia Galega de Teatro nace así: con vocación de servizo e con responsabilidade de futuro. Queremos unha Academia onde todo sume e nada reste, un espazo común que nos multiplique e un legado valioso para as xentes que han ocupar o noso lugar. Cobiza non nos falta, non. Abofé! Sabemos que para acadar os nosos obxectivos temos que tender pontes, estabelecer complicidades, procurar todo aquilo que nos une desbotando razóns de desunión, abrirmos todas as canles de comunicación… e non quedar sen folgos! Queremos, en fin, unha Academia Galega de Teatro necesaria. Agora e no futuro: necesaria. Non só para as xentes do Teatro, tamén para a Sociedade, tamén para o País. Porque construíndo o necesario e manténdoo é como superamos as fronteiras do imposible.

 

 

Presentación Publica da creación da Academia Galega de Teatro.

2019 Academia Galega de Teatro. Rúa Álvaro Cebreiro, 15 – 1º 15003 A CORUÑA

Aviso legal e política de privacidade