25 / MAI / 2023
Baixo o lema de “A estabilidade na acción teatral,” a Academia Galega de Teatro, co apoio da Deputación Provincial da Coruña, ven de celebrar as súas Primeiras Xornadas no Pazo de Marinán, no Concello de Bergondo, provincia da Coruña. Na súa curta traxectoria a Academia Galega de Teatro ten demostrado con feitos a súa necesaria existencia cando, en menos de seis anos, consegue programar e organizar en plena pandemia (2020) o I Congreso Internacional do Teatro Galego, cuxas actas se poden consultar tanto en edición dixital coma en formato libro; este congreso veulle a dar continuidade, 32 anos despois, ao I encontro do Teatro Profesional celebrado no Ateneo Ferrolán en 1988. Nesta curta andaina, e froito dun protocolo de colaboración coa Universidade da Coruña, tamén se acadou a posta en marcha do Observatorio do Teatro Galego, un espazo académico para a documentación e a investigación da actividade teatral galega que está a ser dirixido polo Prof. Dr. Carlos-Caetano Biscainho-Fernandes. Mais recentemente a academia tamén ven de colaborar na creación dunha base de datos online (https://rptg.gal/proxecto) para recuperar o patrimonio teatral de Galiza entre 1936 e 1973 na que poder identificar, estudar e difundir a literatura dramática a produción teatral en lingua galega escrita e/ou representada en Galiza e nas capitais do Rio da Prata. Sen esquecer a creación dos Premios da Academia que con carácter anual queren dar cumprido recoñecemento a aquelas persoas con demostrada traxectoria e dedicación ao teatro en Galiza. A Academia ven a focalizar a atención da profesión sobre un tema fundamental: a Estabilidade; unha estabilidade desde sempre procurada que atinxe tanto aos temas laborais coma aos creativos, e o fai cun programa que pretende abranguer unha visión ampla dos focos posibles e de forma intensiva coa convocatoria e realización destas primeiras xornadas que se celebraron durante os días 19, 20 e 21 de maio de 2023.