Constitúese a Academia Galega de Teatro o 21 de outubro de 2017

09 / SET / 2022

Volver atrás



Constitúese a Academia Galega de Teatro o 21 de outubro de 2017

En Rianxo, co Discurso da Presidenta, Imma Antonio, quedou constituída a Academia Galega de Teatro.

Moi bos días, querida xente da cultura. É un honor contar hoxe coa vosa presenza neste acto de constitución da Academia Galega de Teatro. Estamos verdadeiramente felices e agradecidos por contar hoxe con vós aquí. Non podo tampouco deixar de agradecer ao excelentísimo señor alcalde de Rianxo -e ás persoas que con el colaboran- a súa axuda e compromiso con este noso proxecto e a súa xenerosidade como anfitrión deste evento.

E que pretende esta xente montando isto dunha Academia Galega de Teatro? E de quen veñen sendo? Poderedes preguntar… E faredes ben, claro. Somos un grupo de persoas que temos dedicado a maior parte da nosa vida a esta práctica tan fundamental para nosa cultura que chamamos Teatro. Moitas desas persoas xa teñen participado na creación de institucións e asociacións tan importante para a normalización do feito teatral como foron o Centro Dramático Galego, a Asociación de Actrices e Actores de Galicia, a asociación de compañías Escena Galega, a Escola de Arte Dramática… e así-case- infatigablemente até chegar ao Foro de Sada.

Foi o Foro de Sada un foro de opinión do que case todas as persoas que hoxe fundamos esta Academia formamos parte. Alí traballamos tamén -case- infatigablemente na elaboración de documentos que incidían nas necesarias políticas teatrais para o país…

A realidade hoxendía é que xa contamos con asociacións e organismos diversos comprometidos na procura e posta en marcha de políticas teatrais adaptadas ás necesidades do país, así que por fin podemos descansar un pouco e declarármonos, se cadra, un pouco fatigables… Pero non.

Seguimos a preguntármonos que precisa o noso país, a nosa cultura, a nosa sociedade, o noso teatro… E decidimos deixar a fatiga a un lado e crear a Academia Galega de Teatro. E para que?... Principalmente para descansar un pouco das políticas teatrais e crear un espazo de encontro, reflexión e debate sobre o exercicio do noso oficio.

E facémolo con cobiza, como non! Nacemos con vocación de servizo e de perdurabilidade. Queremos tender pontes e crear un espazo común a todas as xentes e os moitos oficios que o Teatro ten. Queremos falar, debater e poñer en común temas, ás veces, esquecidos pola perentoriedade da supervivencia. Queremos falar de Creación, de Arte, de Cultura… Queremos poñer en valor o noso patrimonio teatral. E queremos poñelo en valor para conservalo e legalo ás outras xentes que abeirarán ao Teatro Galego. Porque o noso patrimonio teatral é rico, variado e, si, noso. Así que é responsabilidade nosa que sexa coñecido e valorado.

Queremos unha Academia, coma nas súas orixes aló por Grecia, viva, plural e libre. Onde podamos compartir o que facemos e por que o facemos. E si, outravolta, se é preciso –que o é- infatigablemente. Porque quizais a nosa vocación non é só o teatro. Quizais a nosa vocación sexa o noso país e a súa cultura. Vocación que sei que compartimos con todas as persoas que aquí estades convidadas, non só para celebrar, tamén como testemuñas. Sodes vós quen, co tempo, poderedes confirmar ou non se imos cumprindo os nosos obxectivos. Vós e as outras persoas que chegarán compartindo esta nosa vocación.

Reitero o noso agradecemento, non só pola vosa presenza, tamén pola responsabilidade que dalgún xeito asumides connosco. Hoxe vemos nacer a Academia Galega de Teatro. A nosa esperanza é que a Academia nos vexa, inevitablemente, desaparecer a nós e que ninguén sexa testemuña da súa desaparición… Supoño que por iso vén ao caso que berre agora: Viva a Academia Galega de Teatro!

Arquivado en

Volver atrás



Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia ao usuario no noso sitio web. Podes personalizar a túa experiencia aquí. Se queres saber máis, le a nosa Política de Cookies

Nesta xanela podes configurar as cookies que queres aceptar. Lembra que en todo momento, podes acceder á nosa Política de Cookies