Xosé Lorenzo Regal
José Lorenzo Regal (Pepe Lorenzo)
Directivo no Ateneo Ferrolán responsable da Vogalía de Teatro na que proxecta unha escola de teatro e na que crea o Premio de Teatro infantil; desde a vogalía, programa en Ferrol funcións de grupos de teatro independente como TEI, Tábano ou Libre Teatro Libre.
Fundador do grupo Pequeno Obradoiro de Teatro que estivo activo desde mediados dos setenta (1977) ata comezo dos oitenta producindo espectáculos como Curriculum vitae (De ti de min de todos nós) de José Ruibal; ¡Ollo, hai lurpios na horta de Ánxela Loureiro Fernández ou O cazador de perdices de Xosé Manuel Martinez Oca.
Pequeno Obradoiro de Teatro participa na IV e V Mostras de Teatro Galego e nas Xornadas de Teatro de Vigo e nas mostras de Teatro de Ribadavia. Polo grupo pasan, entre outros, actores como Miquel Insua, Xavier Rodríguez Lourido ou Francisco Cadaval Ayaso “Quico Cadaval” e profesionais como Suso V. Montero ou o grupo AGRA da Coruña.
Xornalista de profesión exerce a crítica teatral en medios de prensa escrita para as mostras de Ribadavia, de Teatro Galego Portugués de Cariño, Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas e Mostra de Teatro Infantil Galego “Xeración nós” na que levou o Gabinete de Prensa nas súas primeiras edicións.
Foi nomeado académico de honra, polo labor teatral realizado, pouco antes do seu pasamento en decembro de 2023 con 68 anos de idade.